Casamentos civís: onde todo é posible

Cada vez son máis as parellas que deciden formalizar a súa relación pola vía civil en lugar da relixiosa. Aínda hoxe persiste a crenza de que as cerimonias civís son menos vistosas, pero esta afirmación non responde á verdade: unha cerimonia civil é tan fermosa, orixinal e incluso divertida como a vosa imaxinación alcance. Todo é posible, todo está permitido.

Que é un casamento civil?

Antes de nada, é necesario diferenciar, por un lado, o acto civil no que se formaliza o matrimonio e a propia cerimonia, que nin sequera teñen por que coincidir. Explícome.

O casamento civil é un procedemento que se inicia cunha apertura de expediente no Rexistro Civil, onde se comunicará se se desexa contraer matrimonio a través dun Xulgado de Paz ou dun Concello. Ao expediente haberá que xuntar unha serie de documentación, que será entregada á Administracións correspondentes.

O derradeiro trámite é o acto administrativo en que a autoridade competente —xuíz/xuíza de paz, alcalde/alcaldesa ou membro da corporación municipal en quen delegue— enumera os artigos do Código Civil que rexen para este tipo de matrimonio e, a seguir, asínanse os documentos cos que conclúe o expediente.

A cerimonia, algo moi persoal

No caso dos Xulgados, o acto adoita transcorrer así, sen máis. Nos Concellos é frecuente que se misturen o acto administrativo e o cerimonial, pero non ten por que ser así. De feito, cada vez son máis as parellas que prefiren separar ambos os dous e formalizan os papeis un día e organizan a cerimonia noutra data.

A cerimonia non ten valor legal —porque para iso xa se asinaron previamente os papeis—, é un acto que os contraentes queren facer para o seu propio desfrute e o das súas familias e amizades, con máis calma e sen a rixidez de horarios que hai en moitos Concellos. Ao non ser algo oficial, non é necesario que esa cerimonia a organice unha autoridade; de feito, nin sequera forma parte das súas obrigas. Entón, tedes a posibilidade de que a cerimonia corra a cargo dunha persoa con experiencia, co tempo suficiente para personalizar o discurso e arranxar detalliños.

A cerimonia dos vosos soños

A maior vantaxe dun casamento civil é que podedes decidir absolutamente todos os elementos, especialmente se a organizades coa suficiente antelación.

Podedes decidir a vía administrativa do casamento —Xulgado ou Concello—, o lugar en que vai ter lugar a cerimonia, quen a vai oficiar, a decoración… E todo o guión da cerimonia: se vai haber música, cando e onde; se vai haber lecturas e en que momentos se farán… Incluso se queredes incluír algún ritual simbólico, como a cerimonia das rosas, a cerimonia da area, a cerimonia da luz ou outra. Trátase de facer realidade a cerimonia dos vosos soños, un bo recordo para toda a vida!

En resumidas contas, é aquí onde poño ao voso servizo a miña experiencia como oficiante de casamentos e organizadora de eventos. Se non queredes que nada falle, que estea previsto ata o último detalle, contade comigo!

+ Cerimonias de casamento civil:

Comments are closed.